Sunday 08 de September de 2024

Neda investirá algo máis de 46.000 euros na pavimentación da pista de Pename a Pontegrande


O Concello de Neda acaba de adxudicar as obras de posta a punto da pista de Pename a Pontegrande. A administración local investirá un total de 46.257 euros nesta actuación, que se inclúe no denominado Plan de mellora de camiños rurais 2024-2025.

A empresa Leonardo Miguélez S.L. será a encargada de executar a intervención, destinada a reparar esta vía, transitada tanto pola veciñanza como polos visitantes e usuarios das instalacións da Granxa escola Belelle. Como consecuencia do paso do temo e tamén do tráfico que soporta – turismos, maquinaria agrícola e mesmo buses- o estado de conservación do firme desta vía é deficiente.

O proxecto adxudicado afecta a un tramo de algo más de 700 metros de pista, e contempla a limpeza de cunetas, o bacheo dos puntos máis estragados, o aglomerado en quente da vía e, por último, a sinalización horizontal e vertical.

O Concello de Neda conta para levar a cabo esta obra cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que cofinancia o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.